Arzúa é terra do queixo destino verde de Galicia paso dos peregrin@s

1º Festival online de artistas locais «Arzúa queda na casa»

1º Festival online de artistas locais "Arzúa queda na casa"

O Concello de Arzúa organiza un festival online con artistas locais para Semana Santa.

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para esta Semana Santa un festival online con actuacións de artistas locais. Baixo o título «Arzúa queda na casa» a concellería de cultura que dirixe Aurora Varela ofrece unha iniciativa que contará con concertos musicais, monólogos e outras actividades para os máis pequenos.

A situación de confinamento á que debemos facer fronte nestes días fixo xurdir esta iniciativa mediante a que o Concello de Arzúa ofrecerá uns momentos de ocio a todos os vecinos e veciñas de Arzúa, ao tempo que promocionará o traballo e talento do tecido artístico e cultural que hai no municipio.

As actuacións realizaranse a través das redes sociais do xoves 9 ao luns 13 de abril, coincidindo cos días festivos que se achegan, ás 19:00h da tarde cunha duración aproximada de 30 minutos.

Para esta semana están confirmadas as actuacións de Santiago Manuel Villar o xoves 9, o monólogo de Xan Veiga “Sonchistorias” o venres 10, o sábado 11 Aldara, o domingo MJ Pérez e, por último, o luns 13 Lidia Veiga ofrecerá o espectáculo “Titiriteiros na casa”. Todas as intervencións serán emitidas na páxina de Facebook @culturaconcelloarzua, agás a de Aldara que presentará o seu directo a través do seu perfil de Instagram @4ldara.

Dada a alta participación, para a seguinte fin de semana, do venres 17 ao domingo 19 de abril, resérvanse as actuacións de Daniel Mato, Inés Lamas e Riquiño Boy.

Desde o Concello agradécese a colaboración dos artistas citados e convídase  a participar a calquera artista ou grupo local interesado poñéndose en contacto co correo electrónico cultura@concellodearzua.com.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email